Monday 20 de May de 2024

Música, monicreques, poesía, teatro, fotografía e cabalgata de Reis conforman o Programa de Nadal do Concello de Brión


O venres 19 de decembro terá lugar a presentación do libro “Brión en fotos”, obra da asociación xuvenil O Esquío no Piñeiro que recompilou case un milleiro de fotografías da veciñanza brionesa

O Concello de Brión vén de presentar o Programa de Nadal, que inclúe un total de once actividades para todos os gustos e idades. Música, monicreques, poesía, teatro, fotografía… acompañarán ás tradicionais visitas dos Paxes Reais, o concurso de tarxetas de Nadal ou a Cabalgata de Reis. E todas elas cun denominador común: son de participación libre e de balde.

Os actos de Nadal comezarán o sábado 13 de decembro cun recital de poesía, denominado “Vagalumes no vento” a cargo do Grupo Oriol. Trátase dunha perfecta combinación dos versos da poetisa Eva Veiga coa música de Bernardo Martínez e Fito Ares. Será o sábado 13 de decembro, ás 18:30 horas, no Centro Social Polivalente.

19, día grande

O venres 19 de decembro será un día moi especial en Brión, pois conflúen varias actividades. En primeiro lugar, será o último día para entregar os orixinais do XXIII Concurso de Tarxetas de Nadal, que se poden entregar ben nos centros escolares ben na casa da cultura de Brión. Durante esa mañá, os Paxes Reais visitarán as escolas de Brión para que os pequenos e pequenas poidan entregar as súas cartas para os Reis Magos.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, a Escola Municipal de Música Magariños ten programado o seu III Concerto de Nadal, que terá lugar no salón de actos do centro social polivalente e no que participarán os alumnos e alumnas da escola de música, dende os tres anos ata os maiores, que amosarán as súas habilidades nas distintas especialidades que se imparten no centro. En canto á musica, combinará as tradicionais panxoliñas coa música clásica, que serán interpretadas tanto por solistas como por formacións corais e instrumentais.

E ás 20:30 horas, a sala municipal de exposicións de Brión acollerá a presentación do libro e da exposición “Brión en fotos. Unha memoria visual do S. XX”. Unha iniciativa promovida pola asociación cultural, medioambiental e deportiva O Esquío no Piñeiro que, despois de ano e medio recollendo fotografías, presentarán o resultado a través de dous formatos: como libro de fotografías e como unha exposición fotográfica. A mostra poderá visitarse ata o 21 de xaneiro de 2015.

Tanto o libro como a exposición son produto da desinteresada colaboración dos veciños e veciñas de todas as parroquias de Brión, o que permite que a escolma de imaxes fose moi variada. As fotografías máis antigas datan da primeira década do século XX e a gran maioría correspóndense con celebracións relixiosas (vodas, comunións, procesións…), festas e xuntanzas tradicionais, retratos de familiares e amigos, partidos de fútbol… Así mesmo, recolléronse tamén imaxes das distintas parroquias de Brión.

Resto do programa

O sábado 20 de decembro, Boneca Lareta presentará “Sede de mal”, unha comedia salvaxe e divertida; e o sábado 27 de decembro celebrarase o concerto de Odaiko Perkussion Group. Ambas actuacións serán ás 20:30 no centro social polivalente.

E para o mes de xaneiro o menú cultural incluirá unha nova edición do Festival de Monicreques, que terá lugar os días 2 e 3 de xaneiro, ás 17:00 horas, no centro social polivalente. O venres 2 de xaneiro, Monicreques de Kukas representará “Xan Perillán e a maleta máxica”; mentres que o sábado 3 de xaneiro será a quenda de Títeres Cachirulo con “A Figueira do demo”. A tradicional Cabalgata de Reis do 5 de xaneiro, ás 17:00 horas no polideportivo municipal, pechará o Programa da Nadal do Concello de Brión 2014.